lunes, 5 de octubre de 2015

COMEZA A AVENTURA

O alumnado da clase de 6º de primaria do CEIP Pontesampaio (Pontevedra - Galicia - España), coa supervisión do noso mestre Sergio, decidimos facer unha actividade especial para este o noso derradeiro ano no colexio. Unha actividade que precise da colaboración de todos os membros da sociedade que se queiran involucrar, fermosa, participativa e solidaria: unha CADEA DE CAMBIOS.

Pero... QUE É UNHA CADEA DE CAMBIOS??

Unha idea moi simple.
Trátase de conseguir que, partindo dun pequeno obxecto cotiá (por exemplo un clip, unha chincheta, un lapis...) mediante unha serie de cambios, ir acadando obxectos de maior utilidade e valor ata un obxecto final que xa non consigamos cambiar.
Este obxecto final será enviado a unha asociación sen ánimo de lucro, unha ONG ou se cederá ao colexio se ten valor como recurso pedagóxico. En última instancia, se non se consigue regalar, venderase e serán os cartos os que se doarán.

Como se realizará a cadea de cambios?

Partiremos dun lapis. O mesmo lapis para toda a aula.


Os nenos e nenas de clase, teñen que atopar algunha persoa que teña a ben cambiar o lapis que temos por un obxecto de igual ou maior valor que esta persoa posúa, sempre que se queira desfacer del de xeito totalmente voluntario e sen ánimo de lucro. (Poñamos por exemplo un caderno). Todos temos en casa cousas que xa non necesitamos, certo??

Lapis ------> Caderno

Despois, tentaremos cambiar con outra persoa ese caderno por outro obxecto, e así sucesivamente ata o último obxecto.

Caderno ------->????

Normas:
- Os encargados de ofrecer os cambios son @s alumn@s da clase, así como este blog.
- Pode participar calquera persoa, entidade, asociación ou agrupación, sempre que se respeten as normas. Pódese enviar un e-mail ao enderezo sergiomeis@edu.xunta.es
- O obxecto que se cambia é común para toda a clase, e será custodiado polo mestre.
-  Partiremos dun lapis novo.
- Non se permiten lotes. Os cambios son sempre dun obxecto por outro.
- Non se permiten cambios por comida ou animais.
- Os alumnos votarán cal cren eles que é a mellor posibilidade de cambio, sen prexuízo de que o mestre poida decidir en última instancia.
- Non se pode cambiar con membros das familias d@s alumn@s da clase.
- O obxectivo dos cambios, do primeiro ao último, ten que ser solidario, non lucrativo.
- O meste Sergio pode dar por rematada a actividade en calquer momento que o considere oportuno.
- Non está permitido cambiar obxectos por cartos, agás no último cambio. Esta posibilidade a decidirá o mestre.
- O obxecto último que non sexa posible cambiar, donarase a unha entidade sen ánimo de lucro, ou ONG, ou ao noso propio centro educativo. No caso de que que se poida vender, o mestre dirixirá a venda e serán os cartos os que se doen seguindo as mesmas pautas.
- Os participantes voluntarios deben coñecer as normas e a finalidade da actividade.
- A publicación do nome dos participantes, así como una foto da súa participación neste proxecto, será voluntaria.


Historia:

A idea nace do rapaz Kyle MacDonald quen, partindo dun clip, acadou con 14 cambios ter... unha casa! (A súa historia pinchando AQUÍ)

Nós non somos tan ambiciosos, soamente queremos compartir unha experiencia con todos vós, cooperar, extender á sociedade actividades escolares, e se cadra, axudar a alguén.



Unha aperta!!